Thursday 19 de September de 2024

Apróbase de xeito definitivo a modificación do Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago


O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe, 29 de agosto, a aprobación definitiva da modificación do Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago que permitirá a inclusión das distincións de “Alba de Compostela” e “Mulleres de Compostela” así como dunha serie de melloras de fondo e forma desta normativa municipal. Esta modificación xa fora acordada de maneira inicial por todos os grupos municipais na sesión plenaria do pasado 27 de xuño, e tras o período pertinente para a presentación de reclamacións e suxestións no que non se recibiu ningunha achega, queda definitivamente aprobada.

A modificación do Regulamento permitirá, entre outros cambios, a inclusión dos galardóns outorgados baixo o selo de ‘Alba de Compostela’ e ‘Mulleres de Compostela’ dentro dos títulos, honras e condecoracións que poderá conferir o Concello de Santiago, incluso con carácter póstumo, para premiar especiais merecementos ou servizos extraordinarios.

O galardón “Alba de Compostela” ten por fin distinguir anualmente a catro persoas ou entidades, vencelladas a Santiago de Compostela, que acadasen logros nos eidos social, cultural, científico, deportivo, artístico, veciñal o semellantes e que sexan un referente para a sociedade compostelá. O premio “Mulleres de Compostela” pretende recoñecer anualmente a oito mulleres, nacidas en Santiago de Compostela ou vencelladas á cidade, que nos seus eidos de actividade ou polas súas traxectorias poidan considerarse referentes sociais e no proceso para acadar a igualdade entre mulleres e homes.

Coa modificación da normativa aprobada hoxe de xeito definitivo búscase tamén resolver outras discordancias e defectos menores desta normativa, tras case seis anos da súa entrada en vigor. Deste xeito, con estes cambios preténdese clarexar a xerarquía entre as honras e títulos de maior relevancia: a Medalla de ouro de Santiago de Compostela e os títulos de Fillo/a predilecto/a ou adoptivo/a); precisar a regulación dos títulos de “Fillo/a predilecto/a” e “Fillo/a adoptivo/a” co fin de acadar unha distinción clara entre os dous títulos; a supresión do título de “Cidadán/á ilustre”, xa que nunca foi outorgado e quedaría cubertos cos novos galardóns “Alba de Compostela” e “Mulleres de Compostela”. Con este cambio tamén se busca a adaptación do texto da disposición normativa á linguaxe inclusiva e a corrección de erros e deficiencias de técnica normativa presentes na redacción vixente, así como de erros gramaticais e sintácticos.